Sinopsis
Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos. Beiras mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente, o pasado. Por iso, 'Beiras. Vivir2Veces' non é un filme sobre Beiras, senón un filme con Beiras. Con el, repasamos a súa traxectoria seguindo dúas pistas: por unha banda os lugares que mellor o identifican, e por outra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. O repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do noso protagonista: a conversación. No documental, Beiras atópase con algunhas das persoas coas que mellor pode falar das cuestións que máis lle atinxen, desde a arte ao territorio, desde a política á casa.