Sinopsis
Nunha casa, pequena e illada nunha zona montañosa, Loto coida do seu irmán Ulises, que sofre un grave trastorno psicomotor que lle dificulta os movementos. Están completamente sós, non teñen nin un pasado nin un futuro diferente á actividade diaria de Loto para sobrevivir e protexer o seu irmán. Un día Ulises desaparece. Loto búscao desesperadamente no bosque ata que o atopa tratando de enterrarse vivo. A partir de entón, Ulises pasa os seus días en cama rexeitando as atencións do seu irmán. Loto, desemparado, xa non sabe que facer para coidar del. Unha mañá, un vendedor ambulante chama á porta. Vende peixe e corazóns. Loto, por compaixón, cómpralle medio corazón e convídao a pasar a noite na casa. Pola mañá, Ulises decide irse co vendedor. Ulises e o quincalleiro camiñan pola estepa. Ulises ofrécelle o seu corazón. O vendedor ambulante abandona o lugar e ao cabo dun intre decide enterrar o corazón. Da terra comeza a brotar auga.