Sinopsis
Cardoña (José Gestal) foi un dos moitos fotógrafos espallados por Galicia que traballaban dun xeito ambulante como un medio vida que lles permitía obter ingresos para subsistir. Cardoña era un obreiro da foto. O seu humilde traballo converteuse sen el sabelo nun legado documental que hoxe serve para afondar no coñecemento da Galicia rural e boa parte do século XX. A súa filla Matilde e fotógrafos e expertos como Xurxo Lobato, Xoán Piñón, Carlos Castelao e Manuel Sendón cóntannos como era aquel oficio e homenaxean a quen contribuíu a que permanecese vivo na nosa memoria. Cardoña. Fotos a 7 pesetas é o segundo documental de Carlos Lorenzo, despois de que no 2018 presentase Vértice de versos. A súa principal actividade profesional é a xestión cultural na Administración pública, e actualmente é o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. No artístico, ten unha traxectoria como fotógrafo con diversos libros publicados e varias exposicións individuais e colectivas por Galicia. No ámbito audiovisual, estudou produción na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Conta con experiencia como guionista, así como en diversas funcións de produción, como coordinador de dobraxe en curtametraxes de animación como Unha viaxe rodada, Acceso libre e Mellor viaxar, e en traballos de vídeo industrial. Neste proxecto xunta as súas múltiples facetas profesionais para crear un documental no que a fotografía é o eixo central, grazas ao seu labor como creador do arquivo fotográfico de Carral, repositorio alimentado principalmente polas imaxes tomadas por Cardoña entre os anos 40 e 70 do século XX.